VIII edición dos Premios PEL
A Deputación da Coruña ven de publicar as bases reguladoras da oitava edición dos Premios PEL: premios ás mellores iniciativas empresariais da provincia, (PEL-EPR PREMIO 2026) un galardón incluído entre as accións de incentivos á calidade e á innovación da idea empresarial do Plan de Emprego Local (PEL) co que se pretende galardoar ás mellores iniciativas empresariais da provincia, fomentando a súa imaxe positiva e realzando o seu papel fundamental como xeradoras de riqueza, emprego e benestar, contribuíndo á súa sostibilidade, ao emprendemento e á potenciación do rural. As empresas gañadoras de cada categoría recibirán un premio de 20.000 euros, agás na categoría honorífica. Excepcionalmente o xurado poderá premiar aos segundos clasificados cun accésit de 5.000 euros. Neste suposto os primeiros clasificados recibirán un premio de 15.000 euros.
As categorías convocadas son as seguintes:
- 1ª CATEGORÍA: iniciativa emprendedora. Destinada a recoñecer a labor das persoas autónomas, microempresas e pemes que iniciasen a súa actividade empresarial nas anualidades 2024, 2025 ou 2026.
- 2ª CATEGORÍA: traxectoria empresarial. Destinada a recoñecer a traxectoria das persoas autónomas, microempresas e pemes que comezasen a súa actividade empresarial durante a anualidade 2023 ou con anterioridade.
- 3ª CATEGORÍA: iniciativa territorio sostible. Destinada a persoas autónomas, microempresas e pemes que conten con proxectos que contribúan á transición ecolóxica e enerxética, á loita contra o cambio climático, que baseen a súa actividade na agricultura sostible, a protección do medio ambiente, a preservación da biodiversidade, a economía circular, o uso eficiente dos recursos, o valor da terra ou do mar e os seus produtos, etc.
- 4ª CATEGORÍA: iniciativa empresarial singular. Destinada a recoñecer a pemes con iniciativas empresariais de autoría creativa, orixinais e con carácter singular, xa sexa polo uso de materias primas locais, pola reutilización de materiais ou produtos autóctonos, a revitalización da tradición galega, entre outros.
- CATEGORÍA HONORÍFICA: mención do xurado á mellor iniciativa transformadora do rural. Sen postulación de candidaturas nin importe económico.
A participación só poderá realizarse mediante a presentación telemática da documentación especificada nas bases, a través da plataforma SUBTeL, na convocatoria PEL-EPR PREMIO 2026.
O prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto desde o día seguinte á publicación da convocatoria no BOP ás 9.00h ata o 12 de maio de 2026 ás 14.00 horas.
Pode consultar as bases publicadas no BOP, así como o anexo de memoria de candidatura, na páxina web do Premio provincial á mellor iniciativa empresarial: pel.gal/premio


