Deputación da Coruña

O futuro do sector TIC e audiovisual na Coruña pasa polo produto propio e a IA aplicada

As mesas sectoriais de Provincia Emprendedora revelan un sector tecnolóxico e audiovisual con alta actividade que afronta o reto de transformar os servizos en solucións escalables e defender a identidade cultural.

O sector TIC, a innovación e o audiovisual na provincia da Coruña atópanse nun momento de «bonanza con incerteza». Así o define o primeiro informe de resultados do noso proxecto Provincia Emprendedora, onde se evidencia que, a pesar do alto volume de traballo e do gran recoñecemento profesional actual, existen importantes desafíos estruturais que marcarán o modelo de negocio do futuro.

Retos Críticos: A irrupción da intelixencia artificial xenerativa e a automatización non son meras ferramentas; representan un cambio de paradigma que impacta directamente na produtividade, a creación e o emprego. A isto súmase unha alarmante dificultade para atender á crecente demanda de talento especializado (tanto técnico como creativo), a necesidade de perfís híbridos que conecten a tecnoloxía co negocio, e unha excesiva dependencia de grandes plataformas globais de distribución no ámbito audiovisual. Así mesmo, o sector padece unha pesada carga administrativa e custos crecentes derivados das esixencias en sostibilidade e compliance que demandan os grandes clientes.

Fortalezas e Oportunidades: Contamos cunha base profesional moi recoñecida (prestixio, oficio e solvencia de quen xa están operando na provincia), localizacións excepcionais e un activo único: a identidade cultural galega. Nun mercado global estandarizado por algoritmos, a autenticidade, a lingua e o territorio son elementos de diferenciación clave. O gran salto estratéxico consiste en evolucionar desde os modelos intensivos en man de obra (vender horas de servizos) cara ao desenvolvemento de produto propio, plataformas e solucións SaaS escalables.

A maior oportunidade radica na converxencia: que o audiovisual sexa cada vez máis tecnolóxico (produción virtual, pipelines dixitais) e que as TIC comprendan mellor a narrativa e a experiencia de usuario.