
A sustentabilidade gaña protagonismo na estratexia das empresas
As mesas sectoriais de Provincia Emprendedora reflicten que a sustentabilidade deixou de entenderse unicamente como unha cuestión vinculada ao cumprimento da normativa. Cada vez ocupa un papel máis importante nas estratexias das empresas, que a identifican como unha ferramenta para mellorar a súa competitividade. A transición enerxética, a economía circular e o uso eficiente dos recursos contribúen a incrementar a produtividade, reducir custos e abrir novas oportunidades de negocio.
Retos críticos: O principal desafío continúa sendo trasladar esta visión ao conxunto do tecido empresarial, en especial ás pemes. A sustentabilidade segue asociándose, en moitos casos, a un incremento dos custos, a unha maior carga administrativa ou a novas esixencias normativas. A todo isto súmase a lentitude na tramitación de proxectos, a incerteza xerada polos cambios normativos e a dificultade para atopar perfís capaces de impulsar a transición enerxética.
As empresas destacan tamén a necesidade de contar cunha rede máis ampla de provedores e servizos especializados que faciliten a implantación de solucións sostibles. Consideran necesario dispoñer de ferramentas que permitan medir de forma sinxela o retorno dos investimentos e demostrar o seu impacto na competitividade.
Fortalezas: A provincia conta con empresas, enxeñerías, consultoras e universidades con capacidade para axudar neste proceso de transformación. Existe tamén unha base empresarial que é cada vez máis consciente de que a sustentabilidade mellora a eficiencia, optimiza os procesos e reforza a competitividade.
Outra das fortalezas identificadas é o carácter transversal da sustentabilidade. Máis alá das empresas especializadas, a sustentabilidade xera oportunidades para actividades vinculadas ao turismo, á industria, ao sector audiovisual ou ao sector primario, ámbitos nos que medra a demanda de solucións sostibles.
Oportunidades: A crecente demanda de solucións relacionadas coa eficiencia enerxética, coas enerxías renovables, coa economía circular e cos criterios ESG abre novas oportunidades para a innovación e o emprendemento. O desenvolvemento de provedores locais especializados e de servizos de acompañamento ás pemes pode reforzar a competitividade do tecido empresarial.
Unha das principais oportunidades consiste en demostrar que a sustentabilidade xera beneficios reais para as empresas. Cando reducir consumos ou cumprir determinados estándares se traduce en aforro de custos, acceso a novos clientes ou incrementar as posibilidades de acceder a licitacións deixa de percibirse como unha obriga e convértese nunha auténtica estratexia empresarial.





