Entrevista Carlota Corzo
Carlota Corzo é unha profesional cunha traxectoria tan diversa como innovadora. Senior Strategy advisor de Innovaslab (anteriormente Cofundadora e CEO de Lazzaro), esta experiencia emprendedora serviulle para entrar en 2022 na lista Forbes 30 Under 30, que recoñece o talento de mozos e mozas considerados líderes en diversos sectores.
Carlota construíu un perfil diferente e propio, capaz de conectar creatividade, tecnoloxía e impacto social. O seu percorrido caracterízase por fuxir dos camiños convencionais, combinando o emprendemento tecnolóxico coa promoción de iniciativas sociais e a vocación artística.
Muller multipotencial que aspira a ser unha verdadeira polímata, á marxe do seu labor directivo na empresa, colabora en ámbitos educativos e no apoio ao emprendemento como patroa da Fundación Youth Business Spain, impulsa proxectos con colectivos vulnerables e tamén investiga na confluencia entre humanidades e tecnoloxía.
“A diversidade de miradas sempre enriquece os proxectos, as empresas e mesmo a maneira de innovar”
ENTREVISTA: Carlota Corzo, Senior Strategy en InnovasLab —anteriormente Lazzaro, compañía da que foi cofundadora e CEO—, patrona da Fundación Youth Business Spain, experta da Fundación Cotec e membro do Consello Asesor de Comunicando Futuro
– A túa traxectoria combina arte, tecnoloxía e impacto social dunha maneira pouco habitual. Como se abre unha o camiño nunha confluencia aparentemente tan dispar?
En realidade, para min nunca foron ámbitos separados, senón camiños que foron avanzando en paralelo. Dende moi nova estiven vinculada tanto á arte como ao impacto social, impulsando ONG, proxectos con colectivos vulnerables e exposicións itinerantes nas que a cultura servía como ferramenta de conexión e transformación social.
Co tempo decateime de que a tecnoloxía podía multiplicar enormemente ese impacto. Non só permitía crear solucións máis escalables, senón conectar persoas, recursos e ideas dunha maneira completamente nova. Foi aí cando empecei a explorar como unir humanidades e tecnoloxía, algo que marcou moito o meu percorrido posterior.
E curiosamente, nun momento tan tecnolóxico como o actual, creo que a arte é máis importante ca nunca. Vivimos rodeados de automatización, velocidade e estímulos constantes, e precisamente por iso necesitamos máis creatividade, pensamento crítico e espazos para desenvolver unha mirada humana. De feito, nos últimos anos tamén investiguei sobre como a arte, a creatividade e os perfís polímatas inflúen no noso cerebro, na plasticidade mental e na maneira na que aprendemos e innovamos.
Ao final, creo que as ideas máis interesantes adoitan nacer xusto neses lugares onde disciplinas aparentemente distintas se atopan.
– Cofundaches Lazzaro (agora Innovaslab) co obxectivo de achegar transparencia e trazabilidade ao terceiro sector a través da blockchain. Como detectaches a oportunidade de emprender neste eido e como foi madurando a empresa ata hoxe?
Antes de crear Lazzaro eu xa levaba anos implicada no terceiro sector: cofundei tres ONG, participei como voluntaria en distintas iniciativas e traballei moi preto de colectivos vulnerables. Iso permitiume coñecer desde dentro moitos dos retos reais das organizacións sociais.
Un dos grandes problemas que detectamos era a falta de confianza e trazabilidade. Moitas ONG facían un traballo enorme, pero ás veces resultaba difícil comunicar con claridade o impacto, o destino dos fondos ou os procesos internos. E o máis interesante é que cando analizamos o problema tamén o validamos con datos: non era unha percepción illada, senón unha necesidade bastante estendida no sector.
Nese contexto, vimos que tecnoloxías como blockchain podían achegar solucións moi interesantes, especialmente en transparencia e trazabilidade. Así naceu Lazzaro.
Co paso do tempo tamén fomos entendendo que as organizacións tiñan necesidades moito máis amplas relacionadas coa transformación dixital, e especialmente agora coa incorporación da intelixencia artificial. O sector está nun momento de cambio enorme e precisa acompañamento para entender como utilizar estas ferramentas dun xeito útil, ético e sostible.
Posteriormente Lazzaro transformouse en InnovasLab tras a venda da compañía. Do equipo fundador continuei eu dentro do proxecto, e hoxe InnovasLab mantén esa parte de acompañamento tecnolóxico, pero ademais evolucionou cara a un modelo de venture builder. Isto permítenos apoiar a emprendedores e proxectos innovadores non só desde a estratexia ou o desenvolvemento tecnolóxico, senón tamén conectándoos cun ecosistema empresarial máis amplo que nos permite abordar proxectos de maior escala e impacto.
– Formar parte da lista Forbes 30 Under 30 en 2022 supuxo un recoñecemento importante. Que impacto tivo ese fito na túa carreira e na evolución dos teus proxectos?
Foi un impulso moi importante e tamén unha especie de recordatorio de que iamos polo bo camiño. Cando emprendes, especialmente en ámbitos innovadores ou pouco convencionais, convives constantemente coa incerteza e coas dúbidas. Hai momentos nos que todo parece moi complexo e este tipo de recoñecementos axúdanche a parar un momento e pensar: “quizais todo este esforzo realmente está xerando valor”.
Ademais, tivo un impacto importante a nivel de visibilidade e comunicación. Axudou a que máis persoas coñecesen o proxecto, abriu portas a novas conversacións, colaboracións e oportunidades, e tamén permitiu dar máis voz a temas nos que levo tempo traballando, como a innovación social, a conexión entre humanidades e tecnoloxía ou a importancia da creatividade no liderado.
Pero intento vivir este tipo de fitos máis como unha consecuencia do traballo realizado que como unha meta en si mesma. Ao final, o realmente importante é seguir construíndo proxectos con propósito e impacto real.
– Cres que os proxectos e as traxectorias das mulleres teñen maiores barreiras para lograr visibilidade e recoñecemento?
Si, creo que aínda existen barreiras, especialmente en determinados ámbitos como o emprendemento, a tecnoloxía ou a innovación. Ao final, todas coñecemos mulleres con proxectos moi potentes, con traxectorias brillantes ou facendo cousas realmente innovadoras, e sen embargo moitas veces esa representación non se ve reflectida nos espazos de visibilidade.
Pasa por exemplo en mesas redondas, congresos, eventos ou espazos de decisión, onde segue habendo unha presenza masculina moito maior. E non porque non existan referentes femininos preparados, senón porque moitas veces os mesmos nomes e perfís se repiten constantemente.
Creo que é importante visibilizar máis talento feminino, pero tamén facelo desde a naturalidade, entendendo que a diversidade de miradas sempre enriquece os proxectos, as empresas e mesmo a maneira de innovar. Porque cando determinadas voces non teñen espazo, tamén estamos perdendo formas distintas de entender e construír o futuro.
– Definiches o teu percorrido como “non establecido” e marcado por miradas distintas. Que vantaxes e que dificultades atopaches ao saír dos camiños tradicionais? Ser muller condiciona unha mirada distinta?
Creo que a parte máis difícil é, sen dúbida, a incerteza. Cando segues camiños máis tradicionais, normalmente existen referencias, exemplos previos ou unha idea bastante clara de cales son os pasos “correctos” para que algo funcione. Pero cando constrúes un percorrido máis híbrido ou menos convencional, moitas veces ninguén o fixo así antes e tampouco hai un mapa claro.
Iso xera inseguridade e tamén fai que ás veces ás persoas lles custe máis confiar no proxecto, algo que por outra banda considero bastante normal. Cando algo xa foi validado moitas veces, resulta máis doado entendelo; cando non, require un exercicio maior de imaxinación e confianza.
Pero ao mesmo tempo, creo que esa é tamén a gran vantaxe. Poder mirar as mesmas cousas con ollos distintos. Non partir do “isto non se pode facer”, senón da ilusión pola posibilidade de construír algo novo. Moitas das ideas máis interesantes nacen precisamente de conectar ámbitos que aparentemente non teñen relación.
E sobre se ser muller condiciona a mirada, no meu caso diría que si, aínda que non sei ata que punto é algo exclusivamente ligado ao feito de ser muller. Pero si percibo que moitas veces valoras moitísimo máis todas as opcións, incluso opinións ou detalles mínimos que probablemente non deberían ter tanto peso. Iso ás veces pode ser un reto porque xera máis autoesixencia ou máis dúbidas, pero tamén creo que aporta unha maior capacidade de análise, empatía e sensibilidade á hora de construír proxectos ou liderar equipos.
– Impulsaches varias ONG e traballaches con colectivos moi diversos. Que aprendizaxes che marcaron máis a nivel persoal e profesional?
Creo que unha das grandes aprendizaxes foi entender que moitas veces os maiores límites poñémolos nós mesmos. Cando empecei con proxectos sociais era moi nova e sinceramente non esperaba conseguir moitas das cousas que acabaron pasando. Probablemente nunha empresa tradicional non me terían dado a oportunidade de intentar certas ideas ou asumir determinadas responsabilidades tan cedo.
Sen embargo, no ámbito das ONG, ademais dos “non”, tamén comecei a atopar moitos “si” de persoas que querían axudar, colaborar ou sumar dalgunha maneira. E iso acabou levándonos a lugares que nunca tería imaxinado, como Nacións Unidas ou o Parlamento Europeo.
Tamén aprendín que a falta de recursos pode fomentar enormemente a creatividade. Cando non tes unha solución inmediata ou todos os medios dispoñibles, veste obrigado a pensar distinto, buscar alternativas e cuestionarte que é realmente importante conseguir nun proxecto. Iso desenvolve moitísimo o pensamento abstracto e a capacidade de adaptación, porque atopas maneiras de facer as cousas que probablemente non explorarías se tiveses todos os recursos dende o principio.
E por último, aprendín algo que para min segue sendo fundamental: hai que estar preto da xente á que intentas axudar. Preto de verdade, tamén no físico. Escoitar, convivir, entender contextos e necesidades reais. Creo que ás veces falamos moito de impacto social desde a teoría ou desde os despachos, pero o máis importante segue sendo manter ese contacto humano directo.
– Na actualidade tamén estás implicada en fundacións e no impulso ao emprendemento xuvenil. Que cres que precisan hoxe as novas xeracións, especialmente as mozas, para emprender con impacto?
Creo que hai moitas cousas importantes: acceso a financiamento, formación, redes de contacto, ferramentas tecnolóxicas… pero se teño que destacar algo que realmente vin funcionar, especialmente desde a Fundación Youth Business Spain, é o acompañamento.
Moitas veces pensamos que o máis importante para emprender é ter recursos económicos ou unha gran idea, e evidentemente axudan, pero o que realmente marca a diferenza é contar cun sistema de apoio personalizado durante todo o proceso. Emprender pode ser algo moi solitario e cheo de incerteza, especialmente cando es nova e aínda non tes referentes ou experiencia previa.
Na fundación trabállase con microcréditos, formación e distintos recursos, pero unha das cousas máis valiosas é precisamente ese acompañamento próximo: ter persoas que che orienten, che axuden a tomar decisións, che dean perspectiva nos momentos difíciles e adapten o apoio ás necesidades concretas de cada proxecto e de cada persoa.
– Interésanche conceptos como a creatividade, a polimatía e a innovación. Por que cres que é importante fomentar perfís híbridos no contexto actual?
Creo que teñen que existir perfís de todo tipo, tanto especialistas como persoas máis xeneralistas. A especialización é fundamental en moitos ámbitos, pero tamén penso que desenvolver habilidades máis propias da polimatía pode beneficiar enormemente a calquera persoa, independentemente da súa profesión.
Por exemplo, que un enxeñeiro practique arte, ou que un médico desenvolva intereses creativos ou humanísticos, non é algo accesorio. Todo iso amplía a maneira de pensar, mellora a capacidade de conectar ideas, fomenta a creatividade e mesmo a resolución de problemas. O cerebro funciona moito mellor cando o expoñemos a estímulos e disciplinas diferentes.
O problema é que na sociedade actual ás veces cústanos poñer en valor este tipo de aprendizaxes porque non sempre teñen un resultado inmediato ou facilmente comercializable. Parece que todo ten que traducirse rapidamente en produtividade ou rendemento visible, cando moitas das habilidades máis importantes constrúense a longo prazo.
E sinceramente, creo que dentro duns anos vai existir unha diferenza enorme entre as persoas ás que se lles fomentou desde pequenas o pensamento crítico, as humanidades, a creatividade ou incluso actividades físicas e artísticas, e aquelas ás que non.
Porque nun contexto cada vez máis marcado polos algoritmos e pola automatización, creo que será cada vez máis importante conservar a capacidade de explorar camiños propios, cuestionar o establecido e tomar decisións que non veñan simplemente determinadas polo que unha tecnoloxía considera máis eficiente ou probable.
– Para unha muller ten maior valor ser multipotencial?
Creo que a multipotencialidade pode ser valiosa para calquera persoa, independentemente do xénero. Ter intereses diversos, aprender de ámbitos distintos e desenvolver diferentes habilidades amplía moito a maneira na que entendemos o mundo e tamén as ferramentas coas que afrontamos os retos.
Pero é certo que, no caso das mulleres, cantas máis ferramentas, recursos e capacidades teñamos, mellor preparadas estaremos para seguir reclamando espazos nos que aínda existe desigualdade ou para cuestionar inxustizas que aínda non están resoltas.
– Como muller referente no ámbito tecnolóxico e da innovación social, que barreiras percibiches —se as houbo— e que cambios consideras necesarios para avanzar en igualdade?
Só podo falar realmente desde a miña experiencia persoal, sendo consciente de que existen moitas outras situacións e realidades diferentes. No meu caso, creo que unha das dificultades máis marcadas foi empezar moi nova nun ámbito no que moitas veces estaba rodeada de persoas —na súa maioría homes— con moito máis poder, experiencia e idade ca min.
Cando tes vinte anos e entras en reunións ou espazos de decisión con persoas que che levan décadas de traxectoria, ás veces prodúcense situacións incómodas que posteriormente se etiquetan como “malentendidos”, pero que non sempre son fáciles de xestionar. E sinceramente, non as afrontas igual con vinte anos que con trinta. Co tempo aprendes a identificar mellor certos límites, a posicionarte doutra maneira e a manexar situacións que antes podían xerarche moita inseguridade.
Por iso creo que avanzar en igualdade non pasa só por aumentar números ou representación, senón tamén por crear contornos profesionais máis seguros, máis respectuosos e onde as persoas novas —e especialmente as mulleres novas— poidan desenvolverse con confianza e sen ter que asumir determinadas dinámicas como algo normal.
– Que consello lle darías a unha moza que queira desenvolver un proxecto propio no eido tecnolóxico?
Que non o pense tanto e que o intente. Moitas veces esperamos a sentirnos completamente preparadas, a ter todas as respostas ou a saber exactamente como vai saír todo, e a realidade é que iso case nunca pasa. Emprender tamén é aprender mentres avanzas.
Creo que ás veces as mulleres tendemos a esixirnos demasiado antes de dar o paso, cando moitas das cousas importantes apréndense precisamente facendo, equivocándose e adaptándose polo camiño.
E tamén lle diría que non teña medo a pedir axuda ou orientación. Ao final, moitos proxectos saen adiante grazas ás persoas que atopas polo camiño. De feito, se alguén quere orientación ou simplemente compartir unha idea, pode escribirme sen problema.
– Ademais da túa faceta tecnolóxica e social, mantés unha forte conexión coa arte. Que papel xoga a pintura na túa vida e na túa maneira de entender o mundo?
Fundamental. É, dunha maneira física, crear cousas que van máis alá dunha mesma. É experimentar o proceso de creación como algo tanxible e non dixital. É entender a importancia do proceso e non só do resultado, e de todo o que sucede na nosa cabeza mentres tanto.
É o impacto das cores, da composición e do replantexamento constante das ideas. É pensar que é o que queres cuestionar ou transmitir e facelo mediante outro medio que non son as palabras, intentando levar ás persoas cara a un mesmo punto ou reflexión.
– Que nos podes adiantar da túa próxima exposición na sede da CEC no mes de novembro?
“‘Rexenerarte’ será unha exposición moi especial que realizamos conxuntamente Linda de Sousa e máis eu, e que se inaugurará o próximo 20 de novembro na sede da Confederación de Empresarios de La Coruña. A mostra nace da idea de revisitar a historia da arte desde unha mirada feminina e contemporánea. Moitas das grandes obras clásicas que coñecemos foron creadas por homes e representaban tamén a súa visión da muller: como musa, símbolo ou figura secundaria dentro do relato. Nesta exposición queremos preguntarnos como cambiarían esas obras se fosen reinterpretadas desde a experiencia e a mirada das propias mulleres.
Na miña parte da exposición traballo precisamente esa reinterpretación de obras clásicas. Por exemplo, unha das pezas parte da figura de Atlas sostendo o mundo, tradicionalmente representado como un home forte e heroico. Na miña versión, quen sostén o mundo é unha muller, facendo referencia ao peso invisible dos coidados, da carga emocional e de todo aquilo que mantén a sociedade en funcionamento sen ser recoñecido.
Pola súa banda, Linda de Sousa explora a invisibilidade da muller que se fai maior, transformando esa desaparición social nunha especie de superpoder. A súa obra fala dese momento no que a sociedade deixa de mirar á muller, pero no que ela gaña tamén unha nova liberdade, unha nova forma de observar e existir.
Durante a inauguración, ademais, estaremos presentes ambas artistas para compartir co público o significado das obras e o proceso creativo detrás da exposición, nun encontro pensado tamén para o diálogo, a reflexión e o intercambio arredor da arte e da transformación social.”


