Empresa e Universidades afondan nos novos retos da prevención para avanzar en alianza cara a contornas de traballo máis seguras, saudables e sostibles 

  • A II Xornada ‘Universidade e empresa ante os retos preventivos’ reuniu na Coruña a profesionais da prevención, representantes empresariais, persoal técnico, responsables institucionais e comunidade universitaria para abordar desafíos como a saúde mental, os riscos psicosociais, as emerxencias, o cambio climático, o envellecemento laboral ou a intelixencia artificial 
  • O encontro, promovido pola Confederación de Empresarios da Coruña, as tres universidades galegas, a asociación de profesionais de seguridade e saúde laboral de Galicia APROSAL, e Avanta Prevención, consolida a súa vocación de converterse nun espazo estable de diálogo, transferencia de coñecemento e colaboración entre o ámbito académico e o tecido produtivo

A Coruña, 2 de outubro de 2026.- A necesidade de seguir avanzando cara a unha visión integral da prevención de riscos laborais, capaz de responder aos profundos cambios que están a transformar as contornas de traballo, foi un dos principais eixos da II Xornada ‘Universidade e empresa ante os retos preventivos’, celebrada hoxe na Coruña. O encontro reuniu profesionais da prevención, representantes das administracións públicas, empresas, universidades, persoal técnico e alumnado para analizar os principais desafíos actuais e compartir experiencias, boas prácticas e ferramentas orientadas a fortalecer a cultura preventiva nas organizacións.

Esta II Xornada de PRL está promovida conxuntamente pola Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo, a asociación de profesionais de seguridade e saúde laboral de Galicia APROSAL e Avanta Prevención, e dá continuidade ao foro que botou a andar hai un ano coa vontade de consolidar un espazo periódico de encontro e intercambio entre universidade e empresa arredor da seguridade, a saúde e o benestar das persoas traballadoras.

Un labor transversal

Durante o encontro púxose de manifesto que a prevención de riscos laborais debe superar unha visión exclusivamente centrada no cumprimento normativo para integrarse de maneira transversal na xestión das organizacións. A evolución dos riscos psicosociais, a crecente atención á saúde mental e ao benestar emocional, a preparación ante situacións de emerxencia, os efectos do cambio climático, a diversidade e o envellecemento da poboación traballadora, ou a irrupción da intelixencia artificial e a dixitalización están a introducir novos retos que esixen respostas coordinadas e baseadas no coñecemento.

Neste contexto, a conexión entre universidade e empresa adquiriu un papel central ao longo da xornada, entendida como unha vía de dobre dirección: por unha banda, para facilitar que o coñecemento xerado no ámbito académico e a investigación se trasladen ao tecido produtivo e, por outra, para que as necesidades e os retos reais das organizacións contribúan a orientar a formación, a investigación e a innovación.

Na apertura da xornada, o presidente da Confederación de Empresarios da Coruña, Antonio Fontenla, salientou a importancia da colaboración entre as tres universidades galegas, a CEC e Avanta Prevención para promover “cooperación, transferencia de coñecemento e colaboración entre institucións, universidade e empresa para dar resposta aos retos que temos por diante”.

O presidente da CEC subliñou que a prevención de riscos laborais está a vivir “unha transformación profunda” e que, xunto á protección fronte aos riscos físicos e á prevención dos accidentes, é necesario “incorporar unha perspectiva máis ampla” que inclúa o benestar emocional, saúde mental, riscos psicosociais, xestión dos conflitos, diversidade, inclusión ou envellecemento da poboación traballadora, así como a preparación ante emerxencias, o cambio climático, a mobilidade e os riscos asociados á dixitalización, á hiperconectividade e á intelixencia artificial. Neste sentido, defendeu que “a prevención xa non pode ser entendida como unha área illada dentro das organizacións, senón que debe formar parte da súa cultura e da súa maneira de xestionar”.

Na mesma liña, o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, coincidiu en que “a prevención laboral xa non se limita á seguridade física, senón que abrangue aspectos clave como a saúde mental, a inclusión, o envellecemento laboral ou a adaptación ao cambio climático”. “Estas xornadas son unha oportunidade para reflexionar e compartir coñecemento sobre os desafíos que marcarán os contornos de traballo do futuro”, asegurou.

Pola súa banda, o adxunto de Infraestruturas da Vicerreitoría de Economía, Infraestruturas e Sostibilidade da Universidade de Santiago, Tomás S. Cuesta, tamén recalcou a importancia destas xornadas como espazo de encontro “entre as persoas que tedes a experiencia, o coñecemento e as boas prácticas en materia de PRL, para compartir ese saber de cara a abordar os riscos do futuro”, e puxo o foco en novos modelos preventivos “máis integrados, participativos e orientados a unha mellora continua”.

Da universidade ao mercado laboral: reforzar a cultura preventiva desde a formación

Nun programa que incluíu ao longo da mañá cinco mesas redondas, o primeiro debate, sobre ‘Cultura preventiva e alumnado en prácticas: das aulas ao mercado laboral’, centrouse na necesidade de incorporar a prevención desde as primeiras experiencias do alumnado nos centros de traballo. A mesa permitiu coñecer diferentes experiencias relacionadas coa integración da prevención no alumnado en prácticas, os programas innovadores de acollida preventiva para estudantes e o papel das prácticas curriculares nos mestrados oficiais universitarios. As intervencións de Consuelo Pérez, responsable de RRHH e PRL de Técnicas de Soft; Sonia Villar, responsable de Seguridade e Saúde Laboral de Urovesa; e José Luis Míguez, catedrático da Universidade de Vigo, abordaron diferentes perspectivas sobre como facilitar que os futuros profesionais incorporen a cultura preventiva desde o inicio da súa incorporación ao mundo laboral. A mesa estivo moderada por Fernando Román, profesional docente e prevencionista así como membro da xunta directiva de APROSAL.

A segunda mesa, ‘Entornos de traballo seguros, saudables e respectuosos’, puxo o foco nunha dimensión cada vez máis relevante da prevención: o benestar psicolóxico das persoas traballadoras e a xestión dos conflitos. Valentín Escudero, director de Afrontemos UDC; Carlos Montes, profesor de Psicoloxía do Traballo e das Organizacións da USC; e Laura Lázaro, psicóloga sanitaria e coordinadora de formación de AVANTA Mynd, presentaron diferentes iniciativas e enfoques relacionados co apoio psicolóxico, os protocolos de resolución de conflitos e a promoción da saúde mental nos contornos laborais. A mesa foi moderada por Sergio Santos, director de UDC Saudable.

A preparación das organizacións ante situacións de emerxencia ocupou a terceira mesa, ‘Emerxencias, autoprotección e cambio climático’, na que se abordou a importancia de contar con plans de autoprotección eficaces e de reforzar a coordinación cos servizos externos de emerxencias. Jaime Villaverde, da Dirección Técnica de Avanta Prevención; Jesús Valencia, responsable de prevención do Parque de Bombeiros da Coruña; e Carlos Otero, meteorólogo de MeteoGalicia, analizaron, desde diferentes perspectivas, a planificación e resposta ante emerxencias, a realización de simulacros e adestramentos e os novos escenarios de risco asociados ao cambio climático. A mesa estivo moderada por Rosa Coello, da Universidade de Vigo.

As transformacións demográficas e sociais tamén estiveron presentes na cuarta mesa, ‘Diversidade, inclusión e envellecemento laboral’, que abordou a necesidade de adaptar os contornos e os postos de traballo ás diferentes capacidades e ás novas realidades da poboación activa. Eva Pita, responsable de Seguridade e Saúde de COGAMI Empresarial, e Ángeles Santos, directora de RRHH e Relacións Institucionais de Genesal Energy, compartiron experiencias e reflexións sobre a adaptación de postos por diversidade funcional e sobre os retos que supón o progresivo envellecemento da poboación traballadora. A mesa foi moderada por Juan Oreiro, da Universidade de Santiago de Compostela.

A xornada pechouse coa mesa ‘A intelixencia artificial, dixitalización e novos riscos laborais’, dedicada a unha das transformacións que está a xerar maior impacto nos modelos de organización do traballo. A incorporación da intelixencia artificial ás empresas abre novas posibilidades, pero tamén introduce riscos e retos que deben ser considerados desde a perspectiva preventiva. Sobre estas cuestións reflexionaron José Antonio Neira, director do Departamento de Relacións Laborais e Asesoría Xurídica da CEG; Javier Castiñeira, responsable de Sostibilidade e Persoas de Resonac; e José Rega, xefe do centro do ISSGA na Coruña. As intervencións permitiron abordar desde os riscos asociados ao uso da intelixencia artificial nos contornos de traballo ata as posibilidades que ofrecen as ferramentas intelixentes para anticipar accidentes, así como fenómenos cada vez máis presentes como a hiperconectividade, o tecnoestrés e a fatiga dixital. A mesa foi moderada por Elena González, vicepresidenta de APROSAL.

Na clausura da Xornada participaron María Hernández, xerente da Universidade da Coruña; José Manuel Varela, director de Zona Galicia de Avanta Prevención; María Botana, presidenta de APROSAL; e Adela Quinzá, xerente do ISSGA.