Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña e a CEC avanzan en propostas para reforzar a competitividade dos sectores estratéxicos da provincia a través de ‘Provincia Emprendedora’

  • As mesas de diagnóstico sectorial sobre ‘TIC e audiovisual’ e ‘Renovables, economía circular e sustentabilidade’ reuniron esta mañá a empresas e axentes económicos para identificar prioridades e concretar medidas

 A Coruña, 17 de setembro 2026.- A Deputación da Coruña e a Confederación de Empresarios de La Coruña (CEC) avanzaron esta mañá na identificación de propostas e medidas destinadas a reforzar a competitividade e o crecemento do tecido empresarial da provincia no marco da iniciativa ‘Provincia Emprendedora’.

A sede da CEC acolleu as dúas primeiras mesas desta segunda fase do proxecto, centradas nos sectores de ‘TIC e audiovisual’ e de ‘Renovables, economía circular e sustentabilidade’, nas que empresas e axentes económicos participantes puxeron en común as principais conclusións do traballo desenvolvido nos últimos meses e analizaron os retos e oportunidades que afrontan estas actividades.

Estes encontros forman parte do traballo conxunto desenvolvido pola Deputación da Coruña e a CEC no marco do Plan de Emprego Local (PEL), a través dun convenio de colaboración que ten como finalidade coñecer de primeira man a realidade do tecido empresarial da provincia, detectar necesidades e oportunidades e transformar esta análise en propostas concretas que contribúan ao desenvolvemento económico.

A nova rolda de mesas supón así un paso adiante no desenvolvemento de ‘Provincia Emprendedora’, ao avanzar desde a fase inicial de diagnóstico cara á identificación de actuacións e prioridades sectoriais. As achegas das empresas participantes permitirán afondar nos ámbitos nos que resulta necesario actuar e establecer posibles liñas de traballo para favorecer a actividade empresarial, a innovación e a xeración de novas oportunidades.

TIC e audiovisual: talento, innovación e crecemento empresarial

Na mesa dedicada aos sectores TIC e audiovisual, as empresas participantes abordaron os principais desafíos relacionados coa evolución tecnolóxica, a innovación e a capacidade de crecemento das compañías, así como a necesidade de favorecer un ecosistema empresarial que facilite a colaboración e o desenvolvemento de novos proxectos.

O encontro permitiu poñer en común as necesidades detectadas no diagnóstico previo e avanzar na definición de prioridades e posibles medidas orientadas a fortalecer un sector TIC considerado estratéxico para a transformación económica e dixital da provincia, así como un sector de enorme proxección de futuro na provincia como é o audiovisual.

Renovables, economía circular e sustentabilidade

A segunda mesa da xornada estivo dedicada aos ámbitos das enerxías renovables, a economía circular e a sustentabilidade, sectores estreitamente vinculados á transición cara a un modelo produtivo máis eficiente e sostible.

As empresas participantes analizaron as oportunidades de crecemento asociadas a esta transformación, así como os retos que deben afrontar as compañías para desenvolver novos proxectos, incorporar innovación e aproveitar o potencial existente na provincia.

As achegas realizadas permitirán avanzar na identificación de actuacións que contribúan a crear un contorno máis favorable para o investimento, a innovación e o desenvolvemento de actividade empresarial nestes ámbitos.

O traballo continuará a próxima semana

O proceso continuará o martes 22 de setembro, tamén na sede da CEC, coas mesas sectoriais dedicadas a turismo, ás 9.30 horas, e ao sector primario, ás 12.00 horas.

Con estas reunións completarase esta segunda rolda de encontros sectoriais, que permitirá incorporar a visión das empresas dos diferentes ámbitos estratéxicos e avanzar cara a un conxunto de propostas que dean resposta ás necesidades identificadas ao longo do proceso. 

Sobre ‘Provincia Emprendedora’

‘Provincia Emprendedora’ é unha iniciativa impulsada pola Deputación da Coruña e a Confederación de Empresarios de La Coruña que combina a análise da realidade empresarial da provincia coa participación directa de empresas e axentes económicos e sociais.

O proxecto, desenvolvido no marco do Plan de Emprego Local (PEL), ten como obxectivo detectar necesidades e oportunidades, identificar os principais retos do tecido produtivo e contribuír á creación dun contorno que favoreza o emprendemento, a innovación e o crecemento empresarial na provincia da Coruña.