A CEC acompaña ao Polígono de Carballo na entrega do distintivo ‘Polígono Empresarial de Calidade’

Antonio Fontenla destacou a importancia deste recoñecemento, que sitúa ao polígono carballés como o segundo de Galicia en obter esta certificación, tras o da Grela, na Coruña

 En nome da CEC, trasladou a noraboa á ECOXEM e a todas as empresas do Polígono por este logro, que constitúe un exemplo de colaboración, profesionalización e aposta pola calidade como factores clave para fortalecer o tecido empresarial

Carballo, 24 de novembro del 2026.- A Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) participou no acto oficial de entrega do distintivo ‘Polígono Empresarial de Calidade’ ao Polígono de Carballo, un recoñecemento outorgado pola Coordinadora Española de Polígonos Empresariales (CEPE) que acredita a calidade das súas infraestruturas, servizos e modelo de xestión, así como o seu compromiso coa mellora continua.

O presidente da CEC, Antonio Fontenla, participou na apertura do encontro, no que felicitou á Entidade de Conservación, Xestión e Modernización do Polígono de Carballo (ECOXEM) e ao conxunto das empresas que integran esta área empresarial por acadar unha distinción que sitúa o polígono como o segundo de Galicia en obtela, despois do da Grela, na Coruña.

Durante a súa intervención, Fontenla puxo en valor a dimensión económica e social deste espazo empresarial, que reúne máis de 230 empresas e arredor de 3.000 traballadores e traballadoras de diferentes sectores de actividade. “É, sen dúbida, un dos principais motores económicos de Bergantiños e un auténtico pulmón para o emprego, a actividade económica e a creación de riqueza”, sinalou.

O presidente da CEC subliñou tamén que a competitividade das empresas está estreitamente vinculada á calidade do contorno no que desenvolven a súa actividade, e destacou a importancia de contar con boas infraestruturas, servizos e modelos de xestión capaces de anticiparse ás necesidades e favorecer a mellora continua.

Neste sentido, incidiu en que a calidade debe entenderse como “unha cultura de xestión, de compromiso e de mellora continua”, que permita ofrecer espazos empresariais cada vez máis eficientes, modernos e competitivos.

Fontenla destacou, ademais, a iniciativa que supuxo a posta en marcha este ano da primeira Entidade de Conservación, Xestión e Modernización (ECOXEM) de Galicia, un paso relevante cara á profesionalización da xestión das áreas empresariais.

O presidente da CEC aproveitou tamén para poñer de manifesto a importancia da colaboración entre as entidades empresariais e expresou a súa satisfacción pola integración do Polígono de Carballo na Confederación e pola “magnífica colaboración” que ambas as organizacións manteñen. “A cooperación entre entidades empresariais é esencial para sumar capacidades, compartir experiencias e impulsar iniciativas que contribúan a fortalecer o noso tecido produtivo e a mellorar a competitividade da provincia”, afirmou.

Tras a intervención de Antonio Fontenla, o acto continuou cunha mesa redonda na que participaron representantes de ECOXEM, Xestur e do Concello de Carballo, que abordaron diferentes aspectos relacionados coa xestión, o desenvolvemento e a mellora das áreas empresariais.

A xornada concluíu coa entrega oficial do certificado ‘Polígono Empresarial de Calidade’ por parte do presidente da Coordinadora Española de Polígonos Empresariales (CEPE), Alejandro Rubia, que formalizou así este recoñecemento ao traballo desenvolvido polo Polígono de Carballo e ao seu compromiso coa excelencia na xestión.