
A Deputación da Coruña e a CEC avanzan en propostas sobre talento, formación e cooperación nos sectores turístico e primario a través de ‘Provincia Emprendedora’
- As mesas sectoriais de Turismo e Sector Primario completaron a segunda rolda de encontros do programa, centrada en concretar prioridades e posibles actuacións a partir do diagnóstico realizado nas primeiras sesións
A Coruña, 22 de setembro de 2026.- A Deputación da Coruña e a Confederación de Empresarios de La Coruña (CEC) continuaron avanzando na identificación de propostas e medidas destinadas a reforzar a competitividade e o crecemento do tecido empresarial da provincia no marco da iniciativa ‘Provincia Emprendedora’.
A sede da CEC acolleu as mesas sectoriais dedicadas ao Turismo e ao Sector Primario, coas que se completa a segunda rolda de encontros do proxecto. Empresas e entidades participantes puxeron en común as principais conclusións do diagnóstico desenvolvido nos últimos meses e abordaron posibles actuacións para dar resposta ás necesidades detectadas en ambos os sectores.
Estes encontros forman parte do traballo conxunto desenvolvido pola Deputación da Coruña e a CEC no marco do Plan de Emprego Local (PEL), a través dun convenio de colaboración que ten como finalidade coñecer de primeira man a realidade do tecido empresarial da provincia, detectar necesidades e oportunidades e transformar esta análise en propostas concretas que contribúan ao desenvolvemento económico.
Nesta segunda fase, o traballo avanzou desde o diagnóstico inicial cara á identificación de prioridades e posibles liñas de actuación, con especial atención a ámbitos como a formación e a captación de talento, a cooperación empresarial e a procura de novas oportunidades de crecemento.
Turismo: formación, cooperación e novas oportunidades
Na mesa dedicada ao Turismo, as empresas e entidades participantes abordaron como unha das principais prioridades a adaptación da formación ás necesidades reais das empresas e a necesidade dunha maior especialización en función das distintas actividades e perfís profesionais.
O encontro permitiu analizar tamén a importancia dos idiomas e das competencias tecnolóxicas, así como as posibilidades de estreitar a relación entre empresas, universidade e centros de formación para favorecer tanto as prácticas como a incorporación de novos profesionais ao sector.
A cooperación empresarial foi outro dos ámbitos abordados durante a sesión. Os participantes analizaron as posibilidades de favorecer unha maior conexión entre os diferentes actores da oferta turística, desde aloxamentos e axencias ata empresas de mobilidade, eventos, turismo rural, activo ou vinculado ao mar.
Neste contexto, puxéronse sobre a mesa oportunidades para avanzar no desenvolvemento de experiencias que integren diferentes servizos e actividades e permitan aproveitar o potencial de segmentos como o turismo náutico, os congresos e eventos ou as actividades vinculadas ao Porto, contribuíndo a ampliar as estadías e o impacto económico da actividade turística no territorio.
Sector Primario: remuda xeracional, formación e colaboración empresarial
Na mesa dedicada ao Sector Primario, a remuda xeracional e as dificultades para incorporar perfís cualificados volveron situarse entre os principais retos identificados polas empresas e entidades participantes.
A sesión permitiu avanzar na análise de posibles medidas relacionadas cunha formación máis práctica e vinculada ás necesidades das empresas, así como cun maior aproveitamento das prácticas e dos contratos formativos para facilitar a incorporación de novas persoas á actividade.
Os participantes abordaron tamén a importancia de mellorar o coñecemento social do sector e comunicar o seu peso económico e social, achegando á cidadanía a realidade actual das actividades vinculadas ao campo e ao medio rural.
A cooperación entre empresas centrou igualmente unha parte do debate, no que se analizaron posibilidades relacionadas co acceso aos recursos, o uso compartido de servizos e infraestruturas, a promoción conxunta de produtos ou a exploración de novas vías de comercialización.
Así mesmo, durante a sesión púxose de manifesto a importancia de favorecer un marco que facilite o desenvolvemento dos proxectos empresariais e unha interlocución continuada cos diferentes axentes implicados, especialmente nun sector no que numerosas iniciativas requiren horizontes temporais amplos para a súa consolidación.
Complétase a segunda rolda de mesas sectoriais
Coas mesas de Turismo e Sector Primario complétase a segunda rolda de encontros sectoriais de ‘Provincia Emprendedora’, iniciada o pasado 17 de setembro coas sesións dedicadas a ‘TIC e audiovisual’ e ‘Renovables, economía circular e sustentabilidade’.
As conclusións obtidas nas catro mesas incorporaranse ao traballo do programa para continuar avanzando na definición de propostas que dean resposta ás necesidades identificadas nos distintos ámbitos estratéxicos e contribúan a favorecer a actividade empresarial, a innovación e a xeración de novas oportunidades na provincia.
Sobre ‘Provincia Emprendedora’
‘Provincia Emprendedora’ é unha iniciativa impulsada pola Deputación da Coruña e a Confederación de Empresarios de La Coruña que combina a análise da realidade empresarial da provincia coa participación directa de empresas e axentes económicos e sociais.
O proxecto, desenvolvido no marco do Plan de Emprego Local (PEL), ten como obxectivo detectar necesidades e oportunidades, identificar os principais retos do tecido produtivo e contribuír á creación dun contorno que favoreza o emprendemento, a innovación e o crecemento empresarial na provincia da Coruña.

















