A Deputación entrega os Premios PEL 2026, que recoñecen o talento empresarial e emprendedor da provincia
Nubeiro Labs, Que pasa na Costa, Enzicas Bio, Frouma Atlantic Wood e Queizuar foron as iniciativas gañadoras desta edición, na que tamén se entregaron catro accésits
Antonio Fontenla, presidente do xurado indicou que «vimos proxectos que apostan pola sostibilidade, por preservar a tradición, pola creación de emprego de calidade e por fixar poboación no noso rural. Ideas que demostran que para ser globais e competitivos, o mellor punto de partida é o local»
A Deputación da Coruña entregou hoxe no Coruña Estudio Inmersivo (CEI), na Cidade das TIC, os Premios do Plan de Emprego Local (PEL) 2026, os galardóns cos que a institución provincial recoñece cada ano o talento, a innovación, a capacidade de xerar emprego e o compromiso co territorio das empresas, autónomos e iniciativas emprendedoras da provincia.
A gala contou coa participación do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, da deputada de Emprego, Rosa Ana García, numerosos alcaldes e alcaldesas da provincia e unha ampla representación do tecido empresarial, económico e social da provincia.
Na súa intervención, Formoso felicitou todas as persoas que presentaron a súa candidatura e destacou que «cada proxecto é unha mostra de esforzo, talento, innovación e confianza no futuro da nosa provincia». O presidente subliñou que estes premios que permiten «visibilizar o enorme talento que existe no noso territorio, poñer en valor o esforzo de quen emprende e inspirar a outras persoas para que dean o paso e aposten polas súas ideas».
A celebración da gala no CEI permitiu tamén poñer en valor a aposta da Deputación pola innovación, a dixitalización e os novos sectores produtivos. Formoso destacou que o Coruña Estudio Inmersivo é «un exemplo de colaboración público-privada e de innovación tecnolóxica que está a xerar novas oportunidades nun sector cunha enorme capacidade de crecemento e proxección».
A oitava edición dos Premios PEL bateu récord de participación, cun total de 145 candidaturas presentadas. Os galardóns están dotados con 80.000 euros e recoñecen proxectos empresariais pola súa idea de negocio, impacto no territorio, innovación, responsabilidade social, capacidade de transformación económica e social e contribución á creación de emprego.
A gala incluíu tamén un recoñecemento especial ao xornalista de La Voz de Galicia e Radiovoz Ferrol Isidoro Valerio, pola súa traxectoria profesional de máis de catro décadas vinculada principalmente á radio.


