A Confederación de Empresarios de La Coruña (CEC), a través do seu departamento de Prevención de Riscos Laborais (PRL), desenvolveu un completo programa de actuacións orientado a impulsar unha cultura preventiva sólida, participativa e sostible entre o tecido empresarial e as persoas traballadoras.
Estas accións tiveron como obxectivo principal fomentar o coñecemento, a comprensión e a aplicación práctica da normativa vixente en materia de PRL, facilitando o cumprimento legal e mellorando a xestión preventiva nos centros de traballo, cun enfoque intersectorial e adaptado ás necesidades reais das empresas, especialmente das PEMES.
Entre as iniciativas máis destacadas atópanse os Foros PRL, sesións técnicas desenvoltas en diferentes asociacións da CEC, que persiguen a posta en valor da PRL e das persoas responsables da mesma. Tamén destacan os Diálogos PRL, que no 2025 consistiron en nove sesións informativas e participativas nas que se abordaron cuestións clave como a innovación aplicada á prevención, os riscos psicosociais, o benestar laboral, a perspectiva de xénero, a adaptación de postos de traballo ou a violencia no ámbito laboral. Estas sesións combináronse con outras sesións informativas, e con asesoramentos personalizados a empresas e asociacións empresariais alcanzando entre todas as actividades expostas, máis de 550 persoas participantes en accións preventivas.
Un verdadeiro luxo poder contar con tantas persoas interesadas e comprometidas coa seguridade e saúde no traballo.
De forma complementaria, a CEC puxo en marcha unha ampla estratexia de comunicación e sensibilización, que inclúe cartelería preventiva, vídeos, audios divulgativos, fichas técnicas, contidos web, boletíns informativos e campañas en redes sociais, co obxectivo de achegar a prevención a diferentes públicos e canles. Dentro destas actuacións destaca a campaña “Sentidiño e retranca na prevención”, proposta innovadora de sensibilización, que combina mensaxes de prevención de riscos laborais coa sabedoría popular galega e o humor retranqueiro.
O conxunto destas actuacións contribuíu de maneira significativa a mellorar a conciencia preventiva, fomentar hábitos seguros, promover a saúde integral e reforzar a responsabilidade compartida na creación de contornas de traballo seguras e saudables.
Desde a CEC reafírmase o compromiso coa continuidade destas accións, apostando pola formación, a sensibilización e a innovación como piares fundamentais para fortalecer a seguridade e a saúde laboral no noso territorio.

