
O sentidiño e a retranca galega póñense ao servizo da prevención laboral
- Nove carteis e outros tantos vídeos e audios que combinan a xestión preventiva actual coa sabedoría popular galega integran a campaña ‘Sentidiño e retranca na prevención’, que busca achegar mensaxes de seguridade e saúde laboral dun modo máis próximo, positivo e fácil de lembrar
- A iniciativa forma parte dun proxecto de sensibilización impulsado pola CEG e a CEC, e financiado pola Xunta de Galicia
A Coruña, 6 de outubro de 2025 – A prevención tamén se pode comunicar con intelixencia, proximidade e cun sorriso cómplice. Con este espírito nace a iniciativa ‘Sentidiño e retranca na prevención’, financiada pola Xunta de Galicia, no marco do proxecto solicitado pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e executado pola Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), ao abeiro das axudas para a realización de actividades en materia de prevención de riscos laborais conforme á Lei 31/1995, do 8 de novembro.
A iniciativa está formada por nove carteis, vídeos e audios que combinan a xestión preventiva actual coa sabedoría popular galega. A retranca, entendida como ese humor fino, irónico e cheo de dobres sentidos que caracteriza a nosa cultura, convértese aquí nunha ferramenta para achegar mensaxes de seguridade e saúde laboral dun modo máis próximo, positivo e fácil de lembrar.
“Co sentidiño e a retranca conseguimos falar de prevención sen caer na frialdade das normas nin no dramatismo dos riscos. A prevención pode comunicarse dunha forma nova: máis humana, máis galega e máis efectiva”, explica María Botana, Asesora en PRL e RSC da CEC.
Esta iniciativa está pensada para todas as persoas que forman parte dos centros de traballo: dirección, responsables de prevención, delegados e delegadas, equipos técnicos e, sobre todo, o conxunto de persoas traballadoras.
O obxectivo da campaña é claro: sensibilizar, fomentar a cultura preventiva e transmitir que a seguridade laboral é unha responsabilidade compartida, sempre dende un ton positivo e inclusivo.
Todos os materiais poden consultarse e descargarse na web: