As empresas, motor do presente e do futuro de Galicia

Galicia nunca foi unha terra de grandes xestos. É, sobre todo, unha terra de persoas constantes que saben que as cousas importantes necesitan tempo.

Hoxe, 25 de xullo, queremos felicitar a todo o pobo galego. E agradecer especialmente a quen cada día saca adiante un negocio, unha empresa ou un proxecto. Detrás de cada proxecto hai moito esforzo, responsabilidade e a determinación de seguir adiante mesmo cando as cousas non son doadas.

As empresas son unha parte esencial de Galicia. Crean emprego, xeran actividade e contribúen a que os nosos pobos e cidades sigan tendo oportunidades e futuro. Na súa inmensa maioría, son pequenas e medianas empresas que, co seu traballo diario, sosteñen gran parte da nosa economía.

Desde a Confederación de Empresarios de La Coruña seguiremos ao voso lado, escoitando as vosas necesidades, defendendo os vosos intereses e traballando para que poidades desenvolver a vosa actividade nas mellores condicións.

Que este Día de Galicia nos lembre o valor do esforzo compartido e a confianza para seguir construíndo, entre todas e todos, unha Galicia mellor.

Que teñades un moi feliz Día de Galicia.