Entrevista Cristina Gil Rey

Como muller e emprendedora, Cristina Gil enfrontouse a barreiras máis altas ca maioría das persoas e superounas con éxito. Procedente dun contorno de exclusión social, viuse obrigada a transitar polo camiño máis difícil nunha senda xa de seu moi esixente: formarse en Dereito, especializarse no eido tecnolóxico e apostar polo emprendemento. En 2016 fundou na Coruña a consultora estratéxica Milbrait, que asesora en materia de implementación de novas tecnoloxías, crea estratexias de expansión e xera alianzas entre empresas. En 2023 lanzou tamén Azura Tech, unha firma enfocada á investigación en sustentabilidade que integra a persoas en risco de exclusión social.

“Se non temos especial observación no avance da intelixencia artificial perpetuaremos os sesgos de xénero”

ENTREVISTA: Cristina Gil Rey, empresaria e fundadora de Milbrait Asesores y Azura Tech S.L

– A exclusión social supón unha dobre barreira para as mulleres?

Penso que a exclusión social supón unha barreira en xeral e que todos debemos poñer da nosa parte para favorecer a inclusión. Pero si, para nós e sumamente complicado arrincar cando partimos en desvantaxe por todo ao que nos expoñemos.

– Como foi a túa experiencia como emprendedora ao fundar Milbrait?

Rexistrei a firma no 2016. Foi moi ilusionante e segue a selo cada día, porque todos os días temos que seguir construíndo.

– Como se pode axudar ás mozas en risco de exclusión a saír adiante pola vía da formación e o emprendemento?

Eu non estaría aquí se non fose polas oportunidades que tiven, as becas e a xente que confiou en que podía conseguilo. O sistema necesita melloras para dar oportunidades a persoas con talento que queiran avanzar.

– Cales foron para ti as principais dificultades que atopaches para emprender?

A financiación, sen dúbida, e a formación práctica para levar o emprendemento adiante.

– E durante a túa formación?

Durante a formación foi moi duro. Traballei e estudei sempre, e foi moi complicado. Había veces que traballaba de noite, acompañando persoas no hospital, e de día ía a clase. Aínda así, estou orgullosa desa etapa e de telo conseguido.

– Segundo a túa experiencia, consideras que existe alguna diferencia no emprendemento ou no liderado entre homes e mulleres no sector TIC?

En xeral, o emprendemento é diferente en cada persoa coas súas características, pero si existen estudos que nos amosan que sempre temos que demostrar un pouco máis. Agora mesmo atopamos excelentes exemplos de programas de visibilización de referentes femininas.

– E á hora de fundar unha empresa ou spin-off de base tecnolóxica, cal é a situación do emprendemento feminino neste eido?

Nese punto, en concreto, eu recomendo analizar as ferramentas que nos ofrece o noso ecosistema, como por exemplo o programa Emega. Eu fun beneficiaria del e marcou un antes e un despois para o proxecto.

– Na progresión da intelixencia artificial, é posible avanzar superando os sesgos e estereotipos de xénero?

É posible e é necesario avanzar neste sentido. Recordemos que se non temos especial observación neste senso perpetuaremos os sesgos.

– Estase avanzando á hora de ter en conta a perspectiva de xénero neste eido?

Estase avanzando moito, tamén grazas ó traballo que se realiza. Eu pertenzo á comunidade de Mulleres Tech, creada por Cristina Aranda e Sara Alvarellos, e é realmente un exemplo de rede dinámica e que aporta aos avances todos os días porque ten realmente este propósito.

– Que achega o talento feminino ás empresas de base científica ou tecnolóxica?

Debemos defender os equipos multidisciplinares, porque suman perspectivas nos proxectos e, por tanto, son máis ricos e máis completos. Estariamos desbotando recursos enormemente valiosos como empresas e como sociedade.

– Como se pode fomentar a vocación STEM ou cara ás novas tecnoloxías nas rapazas?

Sen dúbida, a mellor forma e visibilizar, que vexan plasmada esa realidade e que a vexan como algo alcanzable e interesante. Eu diríalles que é posible, que hai que esforzarse e querer perseguir os soños. Ese é o mellor motor que podemos ter.

– Na túa empresa Azura fas das novas tecnoloxías unha vía de futuro para persoas en risco de exclusión. Como xorde este proxecto empresarial e como vai progresando?

Azura nace para que a tecnoloxía estea ao servizo da natureza. E si, ten unha parte moi social, con talleres e actividades para persoas en risco de exclusión, porque de aí veño eu e quero que se hai alguén a quen lle podida axudar visibilizar un camiño, unha luz ao final do túnel, que poida velo, como alguén fixo un día comigo, mostrándome que era capaz e que outra realidade era posible.

– Que botas de menos no día a día?

Boto moito de menos a inclusión real, e que a xente en canto ve capacidades distintas non se aparte. Encántanos falar de diversidade e inclusión, pero realmente cando vemos alguén diferente dicimos cousas monstruosas sen ningún tipo de sensibilidade, podendo chegar a facer moito dano. Existen moitos prexuízos aínda cando apreciamos a diferenza nun comportamento.