O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), dependente da Consellería de Economía e Industria, vén de poñer en marcha o Plan Renove de Equipos de Climatización, unha nova liña de axudas de aforro e eficiencia enerxética nos fogares galegos, coa que se pretende reducir o consumo das instalacións térmicas de calefacción, climatización e produción de auga quente sanitaria, a través da substitución de equipos convencionais por equipos de alta eficiencia enerxética: caldeiras de condensación, equipos de climatización clase A e bombas de calor de clase A.
O Plan Renove de Equipos de Climatización, conta cun orzamento inicial de 1.000.000 euros e xerará un investimento asociado de en torno a 3,5 millóns de euros. Prevese con esta acción chegar a un total de 1.400 vivendas e edificios e a máis de 200 establecementos adheridos. As axudas poderanse solicitar desde o 1 de marzo de 2010 e ata o 30 de xuño, ou ata esgotarse os fondos dispoñibles. O prazo de adhesión dos instaladores á campaña iníciase o 28 de decembro de 2009 e estenderase ata o 14 de febreiro de 2010. O día 15 de febreiro publicarase o primeiro listado de establecementos adheridos, que se irá actualizando ata o inicio da campaña.
A través deste Plan o Inega subvencionará a substitución de equipos de potencia entre 5 e 70 kW, por equipos de alta eficiencia enerxética. Concretamente, poderán ser obxecto de axuda as caldeiras de condensación (cun rendemento de 4 estrelas ou equivalente); os equipos de aire acondicionado (só frío), aire-aire ou auga-auga (con rendemento A) e, por último, as bombas de calor (só calor ou reversibles) que teñan como foco frío o aire (con rendemento clase A). Os aparatos antigos substituídos deberanse entregar aos xestores autorizados para o seu correcto tratamento como residuo voluminoso conforme á normativa vixente.
A contía da subvención ascenderá a un máximo de 45€/kW da potencia nominal (en modo calefacción) da caldeira de condensación instalada co límite do 30% do seu custo. No caso de equipos de aire acondicionado e bombas de calor a contía máxima da axuda será de 150 euros/kW térmico co límite do 30% dos prezos de tarifa dos equipos.
Poderán ser beneficiarios as persoas físicas ou xurídicas de natureza pública ou privada residentes ou radicadas en Galicia, propietarios, usufrutuarios ou arrendatarios de vivendas, edificios de vivendas ou de edificios destinados a outros usos, que estean localizados en Galicia.
Proceso de obtención da axuda:
O comprador dirixirase a un instalador adherido ao Plan Renove de Equipos de Climatización 2009 e adquirirá o equipo obxecto da subvención. O instalador realizará a solicitude de fondos mediante a aplicación web www.inega.es/planrenoveclima2009, imprimirá o impreso da axuda e o comprador asinará a súa conformidade. A continuación o instalador realizará a obra e cobrará o importe da factura co desconto da axuda establecida. Finalmente, o instalador remitirá toda a documentación ao Inega para o cobro da axuda.
Con esta campaña preténdese seguir apoiando o aforro enerxético e económico nos fogares galegos. O aforro de enerxía primaria estimado alcanza os 9.566 MWh, o que supón evitar a emisión de 1.527 toneladas de CO2 á atmosfera, mentres que o económico alcanza os 600.000 euros anuais.
Fonte: INEGA